
«CRUCES E IGREXAS DE SANTIAGO NO CAMIÑO MOZÁRABE – VÍA DA PLATA”
Proxecto territorial de recuperación patrimonial, memoria Xacobea, innovación cultural e promoción internacional do Xacobeo 2027 na provincia de Ourense
O Camiño Mozárabe – Vía da Plata atravesa a provincia de Ourense deixando ao seu paso un rico patrimonio vinculado ao fenómeno Xacobeo. Entre os seus testemuños máis significativos están as igrexas dedicadas ao Apóstolo Santiago, fitos que acompañan o peregrino no seu camiño cara a Compostela:
- Santiago de Campobecerros (Castrelo do Val), a primeira, na subida desde A Gudiña cara a Laza.
- Santiago de Albarellos (Monterrei), xa na variante de Verín, entre os viñedos da D.O. Monterrei, nacida como capela e refuxio de peregrinos.
- Igrexa de Santiago de Allariz, templo románico na Praza Maior da vila, no tramo entre Xinzo de Limia e Ourense.
- Catedral de Ourense, onde o Pórtico do Paraíso garda unha das representacións do Apóstolo máis queridas da cidade.
- Santiago das Caldas, na cidade de Ourense, igrexa neogótica de tres naves no barrio da Ponte.
- Santiago de Gustei (Coles), xa camiño de Compostela, románica do século XII e Ben de Interese Cultural, que garda unha imaxe pétrea do Apóstolo da mesma época e lembra na súa porta que foi refuxio sagrado.
Presentamos un vídeo que percorre estas igrexas e convidan a descubrir a historia, a arte e a devoción que gardan.