Eligio Rivas recibe de Manuel Baltar a medalla de ouro da provincia de Ourense polo seu labor a prol da etnografía e da lingua galegas

O filólogo e etnógrafo ourensán Elixio Rivas Quintas recibiu hoxe de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a medalla de ouro da provincia de Ourense, un galardón outorgado pola institución provincial que, nesta ocasión, rende homenaxe e pon en valor as importantes achegas de Elixio Rivas nos ámbitos da toponimia, a etimoloxía e a lingua galegas, un tesouro cultural que este «ourensabio» soubo investigar, preservar e impulsar como poucos, polo respecto á nosa historia, a nosa fala e ás nosas tradicións, que marcaron sempre a súa dilatada carreira profesional», expresou Manuel Baltar.

No acto de entrega do galardón, que tivo lugar no salón de plenos do Pazo Provincial Baltar salientou que segundo consta no Regulamento de Honores e Distincións «é de obrigado deber deste goberno provincial promover a exaltación dos seus fillos máis ilustres, xa que dedicaron o mellor das súas vidas pondo o seu talento e intelixencia en favor do noso desenvolvemento cultural, artístico, musical, social e económico, como é o caso do noso ilustre galardoado, que tanto leva aportado, e que segue fortalecéndonos cunha inxente e rigorosa obra de estudo e difusión nos terreos da historia, a etnografía e a lingüística -principalmente na lexicografía-, a onomástica e a toponimia».

Baltar dixo que don Elixio «sempre sorprende aos que que nos achegamos á súa humanidade; inmensa e xenerosa, profundamente ourensá», e destacou entre os saberes e achegas de Rivas «o seu labor de investigación e posta en valor do Camiño Mozárabe. A don Elixio a ao seu tesón o fenómeno Xacobeo débelle, nada menos, que unha ruta de peregrinaxe que contribuíu á unidade cristiá desde antes da Reconquista».

Manuel Baltar fixo especial fincapé «na Ourensanía de quen acada hoxe o galardón do que hai tempo era merecente, porque parafraseando o título dun gran libro de Bieito Iglesias, síntome moi honrado en terlle entregado a Elixio Rivas Quintas o mellor ouro, o Ouro de Ourense».

Baltar remarcou que a Ourensanía «non é unha afirmación reduccionista e cantonal. Todo o contrario, non hai máis que ler o Manifesto redactado por Luís González Tosar, quen percibiu como ninguén a nosa evidente peculiaridade: o ser e o entender «dos que somos de eiquí». Un sentimento fondo que ven dos devanceiros, da nosa propia maneira de ser, do noso xeito de andar e percorrer o mundo». Por iso, concluíu o presidente provincial, «a Ourensanía toda, desde Xunqueira de Ambía a Sidney, de Allariz a Nova York, de Maceda á Patagonia e desde este noso Ourense ao Orense que fundou Ramón Santamarina na Pampa, proclamamos o orgullo de contarmos, nesta terra, nesta cultura e na lingua propia de Galicia, con don Elixio Rivas Quintas, medalla de ouro de Ourense».

Pola súa banda, Elixio Rivas, quen agradeceu a máxima distinción que lle outorga a Deputación de Ourense, dixo que dedicou toda a súa vida profesional á investigación etimolóxica, e destacou que o topónimo «Ourense» data de hai 4.000 anos e procede da «auga», «unha auga, que na nosa provincia ten, aínda, un maior significado polo seu carácter termal», agradecendo ao presidente Manuel Baltar «o labor que fai a prol do noso termalismo» e por «restaurar con seu labor» a grandeza que merece ter a riqueza termal da provincia de Ourense.

Rivas expresou que a súa tarefa investigadora ao longo de décadas «foi a de recoller o legado dos últimos herdeiros da tradición rural galega», anos de traballo de campo, viaxes e investigación académica nos que analizou documentos e achegas etnográficas que permitiron enriquecer á nosa cultura con 16.000 palabras máis no diccionario galego; 45.000 novas definicións e máis de 10.000 páxinas de toponimia, onomástica e historia de Galicia. «Quédame a satisfacción de ter podido rescatar para a memoria o labor de 490 ourensáns que non ficarán no esquecemento, e outros temas máis, anacos da nosa terra, que non merecen ser fundidos no anonimato dun mundo alleo e inhumano no que todo semella difuminado e tragado pola técnica e as máquinas sen alma», dixo Rivas.

O acto contou coa laudatio a cargo de José Antonio Quintas, vicepresidente da asociación cultural «Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata Ourense», e do escritor e membro da RAG Xesús Ferro Ruibal. O instrutor do expediente de honra, o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, deu lectura a resolución pola cal a Deputación de Ourense outorga a medalla de ouro a Elixio Rivas. A concesión do galardón foi aprobada en sesión plenaria pola corporación provincial o pasado 25 de xaneiro, ditaminando conceder a Eligio Rivas a dita distinción. Manuel Doval destacou que se lle outorga este recoñecemento «como homenaxe do noso pobo a toda unha longa traxectoria intelectual marcada polo seu carácter de traballador incansable e a súa implicación no estudo e difusión dos principais valores culturais da nosa provincia».

A Medalla de Ouro da Provincia de Ourense que recibiu hoxe Eligo Rivas súmase as distincións que xa ten recibido, como o Premio Otero Pedrayo en 1980 pola súa obra A Limia, o Premio «Taboada Chivite» (1980) ou a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2000), entre outras.

«Algunhas persoas desenvolven súa carreira estritamente ligados á poboación que os viu nacer, e a súa actividade transcende fondamente os límites da provincia e contribúe a fomentar o coñecemento desta poboación a niveis insospeitados. Este é o caso do ourensán Eligio Rivas», recolle o expediente, destacando a vinculación do galardoado coa súa terra natal: «o seu lugar de nacemento marca profundamente o interese que sempre manifestou pola comarca da Limia. Son moitos os seus estudos e investigacións sobre esta comarca, que teñen formado parte da relación de publicacións que ten feito», como a obra «A Limia», unha das máis de cincuenta publicacións das que é autor «abarcando temáticas coma historia, filoloxía, toponimia, lexicografía, viaxes, arte ou etnografía».

O acto, presidido por Manuel Baltar, contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez familiares de Elixio Rivas; directivos da asociación cultural «Amigos da Vía da Prata», e representantes dos ámbitos institucional, cultural e social, contando no apartado musical co gaiteiro da Real Banda de Gaitas Marco Foxo, quen interpretou ao remate do acto o Himno Oficial da Provincia de Ourense, Ourense no solpor.

Biografía

Elixio Rivas (Fondo de Vila, Xunqueira de Ambía, 1925) é licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (1975) e doutor na mesma especialidade (1979). Especialista en Toponimia, a súa tese de doutoramento sobre esta materia e os seus traballos de investigación etimolóxica son un referente nos estudos universitarios referidos a esta temática. É membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia desde 1978 e fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica da Universidade de Santiago, así como correspondente da Real Academia da Historia.

Autor do gran proxecto sobre o léxico rural do noroeste de España, con 25 libros sobre esta temática, Rivas levou a cabo, ademais, iniciativas como a restauración da ermida de San Mamede; a creación da Aula da Natureza en O Caudillo; os traballos a prol da restauración do Camiño Mozárabe de Santiago, e a creación e restauración das pezas do Museo Etnográfico situado en Montemedo, Os Milagros.

Fuente: Deputación de Ourense